176
O exemplo de Cristo
Xesucristo, Noso Señor, ao longo da súa vida terrea, foi cuberto de improperios, maltratárono de todos os xeitos posibles. Lembrádesvos? Propalan que se comporta como un revoltoso e afirman que está endemoñado5. Noutra ocasión interpretan mal as manifestacións do seu Amor infinito, e táchano de amigo de pecadores6.
Máis tarde, a El, que é a penitencia e a temperanza, bótanlle en cara que frecuenta a mesa dos ricos7. Tamén o chaman despectivamente faber filius8, fillo do traballador, do carpinteiro, como se fose unha inxuria. Permite que o apostrofen como bebedor e comellón... Deixa que o acusen de todo, menos de que non é casto. Tapoulles a boca niso, porque quere que nós conservemos ese exemplo sen sombras: un modelo marabilloso de pureza, de limpeza, de luz, de amor que sabe queimar todo o mundo para purificalo.
A min, gústame referirme á santa pureza contemplando sempre a conduta do Noso Señor. El puxo de manifesto unha grande delicadeza nesta virtude. Fixádevos no que relata san Xoán cando Xesús, fatigatus ex itinere, sedebat sic supra fontem9, cansado do camiño, sentou riba do peitoril do pozo.
Recollede os ollos da alma e revivide devagar a escena: Xesucristo, perfectus Deus, perfectus homo10, está fatigado polo camiño e polo traballo apostólico. Como poida que vos sucedese algunha vez a vós, que rematades rendidos, porque non aguantades máis. É conmovedor observar ao Mestre esgotado. Ademais, ten fame: os discípulos foron ao pobo veciño, para buscar algo de comer. E ten sede.
Pero máis cá fatiga do corpo, consúmeo a sede de almas. Por isto, ao chegar a samaritana, aquela muller pecadora, o corazón sacerdotal de Cristo afánase, dilixente, para recuperar á ovella perdida: esquecendo o cansazo, a fame e a sede.
Ocúpase o Señor naquela grande obra de caridade, mentres volvían os Apóstolos da cidade, e mirabantur quia cum muliere loquebatur11, quedaron abraiados de que falase a soas cunha muller. Que tino! Que amor á virtude encantadora da santa pureza, que nos axuda a ser máis fortes, máis rexos, máis fecundos, máis capaces de traballar por Deus, máis capaces de todo o grande!
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/176/ (14-12-2025)