177

177 Esta é a vontade de Deus, a vosa santificación... Que saiba cada un de vós usar do seu corpo santa e honestamente, sen abandonarse ás paixóns, como fan os pagáns, que non coñecen a Deus12. Pertencemos totalmente a Deus, con alma e corpo, coa carne e cos ósos, cos sentidos e coas potencias. Pregádelle con confianza: Xesús, garda o noso corazón!, un corazón grande, forte e tenro e afectuoso e delicado, desbordante de caridade para Ti, para servir a todas as almas.

O noso corpo é santo, templo de Deus, precisa san Paulo. Esta exclamación do Apóstolo trae á miña memoria a chamada universal á santidade, que o Mestre dirixe aos homes: estote vos perfecti sicut et Pater vester caelestis perfectus est13. A todos, sen discriminacións de ningún xénero, pide o Señor correspondencia á graza; a cada quen, de acordo coa súa situación persoal, esixe a práctica das virtudes propias dos fillos de Deus.

Por iso, ao lembrarvos agora que o cristián ten que gardar unha castidade perfecta, estoume referindo a todos: aos solteiros, que se han de ater a unha completa continencia; e aos casados, que viven castamente cumprindo as obrigas propias do seu estado.

Co espírito de Deus a castidade non resulta un peso molesto e humillante. É unha afirmación gozosa: o querer, o dominio, o vencemento, non o dá a carne nin vén do instinto; procede da vontade sobre todo se está unida á Vontade do Señor. Para ser castos —e non simplemente continentes ou honestos—, temos que someter as paixóns á razón, mais por un motivo alto, por un impulso de Amor.

Comparo esta virtude a unhas ás que nos permiten transmitir os mandatos, a doutrina de Deus, por todos os ambientes da terra, sen temor a quedar enlamados. As ás —tamén as desas aves maxestosas que se remontan onde non acadan as nubes— pesan, e moito. Pero se faltasen, non habería voo. Gravádeo nas vosas cabezas, decididos a non ceder se notades a poutada da tentación, que se insinúa presentando á pureza como unha carga insoportable: ánimo!, arriba!, ata o sol, á caza do Amor.

Notas
12

1 Thes IV, 3-5.

13

Mt V, 48.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma