178

Levar a Deus nos nosos corpos

Sempre me causou moita magoa a norma dalgúns —de tantos!— que escollen, como pauta constante das súas ensinanzas, a impureza; co que logran —comprobeino en bastantes almas— o contrario do que pretenden, porque é materia máis pegañenta que a pez, e deforma as conciencias con complexos e con medos, como se a limpeza da alma fose un atranco pouco menos que insuperable. Nós, non; nós temos que tratar da santa pureza con razoamentos positivos e limpos, con palabras modestas e claras.

Matinar sobre este tema significa dialogar sobre o Amor. Veño de sinalarvos que me axuda, para isto, acudir á Humanidade Santísima do Noso Señor, a esa marabilla inefable de Deus que se humilla ata se facer home, e que non se sente degradado por ter tomado carne como a nosa, con todas as súas limitacións e fraquezas, menos o pecado; e isto, porque nos ama con loucura! El non se rebaixa co seu anonadamento; en cambio, a nós, elévanos, deifícanos no corpo e na alma. Responder que si ao seu Amor, cun agarimo claro, ardente e ordenado, iso é a virtude da castidade.

Temos que lle berrar ao mundo enteiro, coa boca e co testemuño da nosa conduta: non empezoñemos o corazón, como se fósemos pobres bestas, dominados polos instintos máis baixos. Un escritor cristián explícao deste xeito: «mirade que non é pequeno o corazón do home, pois abraza tantas cousas. Me dide esa grandeza non nas súas dimensións físicas, senón no poder do seu pensamento, capaz de acadar o coñecemento de tantas verdades. No corazón é posible preparar o camiño do Señor, debuxar unha senda dereita, para que por alí pasen o Verbo e a Sabedoría de Deus. Cunha conduta honesta, con obras irreprochables, preparade o camiño do Señor, achandade o sendeiro, para que o Verbo de Deus camiñe convosco sen tropezo e vos dea o coñecemento dos seus misterios e da súa vinda»14.

A Sagrada Escritura revélanos que esa obra grandiosa da santificación, tarefa oculta e magnífica do Paráclito, verifícase na alma e no corpo. Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo?, clama o Apóstolo. Hei de abusar dos membros de Cristo para facelos membros dunha prostituta? (...) Por ventura non sabedes que os vosos corpos son templos do Espírito Santo, que habita en vós, o cal recibistes de Deus, e que xa non vos pertencedes, dado que fostes mercados a grande prezo? Glorificade a Deus e levádeo no voso corpo15.

Notas
14

Oríxenes, In Lucam homiliae, XXI (PG 13, 1856).

15

1 Cor VI, 15, 19-20.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma