179
Algúns, por aí, escoitan falar de castidade e sorrín. É un riso —unha garatuxa— sen ledicia, morta, de cabezas retortas: a grande maioría —repiten— non cre niso! Eu, aos mozos que viñan na miña compaña polos barrios e hospitais da periferia de Madrid —pasaron xa tantos, tantos anos—, adoitáballes dicir: considerade que hai un reino mineral; outro, o reino vexetal —máis perfecto— no que, á existencia, se lle engadiu a vida; e despois vén o reino animal, formado por seres con sensibilidade e movemento, case sempre.
Explicáballes, dun xeito quizais pouco académico, pero gráfico, que deberiamos instituír outro reino, o hominal, o reino dos humanos: porque a criatura racional posúe unha intelixencia admirable, chispazo da Sabedoría divina, que lle permite razoar pola súa conta; e esa estupenda liberdade, pola que pode aceptar ou rexeitar unha cousa ou outra, ao seu arbitrio.
Pois este reino dos homes —comentáballes coa experiencia que proviña do meu abondoso labor como sacerdote—, para unha persoa normal, o tema do sexo ocupa un cuarto ou quinto lugar. Primeiro están as aspiracións da vida espiritual, a que cada quen teña; inmediatamente, moitas cuestións que lle interesan ao home e muller corrente: o seu pai, a súa nai, o seu fogar, os seus fillos. Máis tarde a súa profesión. E alá, no cuarto ou quinto termo, aparece o impulso sexual.
Por isto, cando coñecín xente que convertía este punto no argumento central da súa conversa, dos seus intereses, pensei que son anormais, pobres desgraciados, quizais enfermos. E engadía —con isto había un momento de risa e de broma, entre o rapaces aos que me dirixía— que eses pobres desventurados me producían tanta magoa como ma producía un neno deforme coa cabeza gorda, gorda, dun metro de perímetro. Son individuos infelices e pola nosa banda —amais das oracións por eles— agroma unha fraterna compaixón, porque desexamos que se curen da súa triste enfermidade; pero, desde logo, non son xamais nin máis homes nin máis mulleres que os que non andan obsesionados polo sexo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/179/ (14-12-2025)