18
Buscar a presenza de Deus
Vida interior. Santidade nas tarefas ordinarias, santidade nas cousas pequenas, santidade no labor profesional, nos afáns de cada día...; santidade, para santificar os demais. Soñaba en certa ocasión un coñecido meu —nunca remato de coñecelo ben!— que voaba nun avión a moita altura, pero non dentro, na cabina; ía montado riba das ás. Pobre desgraciado: como padecía e se agoniaba! Parecía que o Noso Señor lle daba a entender que dese xeito van —inseguras, con desacougos— polas alturas de Deus as almas apostólicas que carecen de vida interior ou a descoidan: co perigo constante de virse abaixo, sufrindo, incertas.
Eu penso, efectivamente, que corren un serio perigo de descarreirarse aqueles que se lanzan á acción —ao activismo!—, e prescinden da oración, do sacrificio e dos medios indispensables para acadar unha sólida piedade: a frecuencia de sacramentos, a meditación, o exame de conciencia, a lectura espiritual, o trato asiduo coa Virxe Santísima e os anxos custodios... Todo isto contribúe ademais, con eficacia insubstituíble, a que sexa tan amable a xornada do cristián, porque da súa riqueza interior flúen a dozura e a fidelidade a Deus, coma o mel do panal.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/18/ (14-12-2025)