182
Nalgúns momentos téñome fixado como escintilaban os ollos dun deportista, ante os obstáculos que debía superar. Que vitoria! Observade como domina esas dificultades! Dese xeito nos contempla Deus o Noso Señor, que ama a nosa loita: sempre seremos vencedores, porque non nos nega xamais a omnipotencia da súa graza. E non importa entón que haxa contenda, porque El non nos abandona.
É combate, pero non renuncia; respondemos cunha afirmación gozosa, cunha entrega libre e alegre. O teu comportamento non se ha de limitar a esquivar a caída, a ocasión. Non se ha de reducir de ningún xeito a unha negación fría e matemática. Convencícheste de que a castidade é unha virtude e de que, como tal, debe medrar e perfeccionarse? Non basta, insisto, ser continente, cada quen segundo o seu estado; temos que vivir castamente, con virtude heroica. Esta postura comporta un acto positivo, co que aceptamos de boa gana o requirimento divino: praebe, fili mi, cor tuum mihi et oculi tui vias meas custodiant19, entrégame, meu fillo, o teu corazón, e espalla a túa mirada polos meus campos de paz.
E pregúntoche agora: como afrontas esta pelexa? Ben coñeces que a loita, se a mantés desde o comezo, xa está vencida. Arrédate inmediatamente do perigo, en canto percibas os primeiros chispazos da paixón, e aínda previamente. Fala ademais axiña con quen dirixa a túa alma; mellor antes, se é posible, porque, se abrides o corazón de par en par, non seredes derrotados. Un acto e outro forman un hábito, unha inclinación, unha facilidade. Por iso hai que batallar para acadar o hábito da virtude, o hábito da mortificación para non rexeitar ao Amor dos Amores.
Meditade o consello de san Paulo a Timoteo: te ipsum cas tum custodi 20, para que tamén esteamos sempre vixiantes, decididos a custodiar ese tesouro que Deus nos entregou. Ao longo da miña vida, a cantas persoas oín exclamar: Ai, se rompese no comezo! E dicíano cheas de aflición e de vergonza.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/182/ (14-12-2025)