183

Todo o corazón entregado

Necesito lembrarvos que non encontraredes a felicidade fóra das vosas obrigas cristiás. Se as abandonarades, quedaríavos un remordemento salvaxe, e seriades uns desgraciados. Ata as cousas máis correntes que traen un chisco de felicidade, e que son lícitas, poden virar entón amargas coma o fel, agres coma o vinagre, repugnantes coma o acebre.

Cada un de vós, e eu tamén, confiamos a Xesús: ¡Señor, que eu me propoño loitar e sei que Ti non perdes batallas; e comprendo que se algunha vez as perdo, é porque me arredei de Ti! Lévame da túa man, non te fíes de min, non me soltes!

Pensaredes: Padre, se son tan feliz! Se amo a Xesucristo! Se, aínda que son de barro, desexo chegar á santidade coa axuda de Deus e da súa Santísima Nai! Non o dubido; unicamente prevéñoche con estas exhortacións por se acaso, por se puidese aparecer unha dificultade.

Ao tempo, heiche de repetir que a existencia do cristián — a túa e a miña— é de Amor. Este corazón noso naceu para amar. E cando non se lle dá un afecto puro, limpo e nobre, víngase e asolágase de miseria. O verdadeiro amor de Deus — limpeza de vida polo tanto— atópase igualmente lonxe da sensualidade que da insensibilidade, de calquera sentimentalismo como da ausencia ou dureza de corazón.

É unha magoa non ter corazón. Son uns desventurados os que non aprenderon nunca a amar con tenrura. Os cristiáns estamos namorados do Amor: o Señor non nos quere secos, tensos, como unha materia inerte. Quérenos impregnados do seu agarimo! O que por Deus renuncia a un amor humano non é un solteirón, ao xeito desas persoas apesaradas, infelices e apoucadas, porque desprezaron a xenerosidade de amar limpamente.

Este punto noutro idioma