184

Amor humano e castidade

Para manter o trato co meu Señor, téñovolo explicado frecuentemente, servíronme tamén —non me importa que se saiba— esas cancións populares, que se refiren case sempre ao  amor: gústanme de veras. A min e a algún de vós, o Señor escolleunos totalmente para El; e trasladamos ao divino ese amor nobre das coplas humanas. Faino o Espírito Santo no Cantar dos Cantares; e fixérono os grandes místicos de todos os tempos.

Reparade nestes versos da Santa de Ávila: «Se queredes que estea folgando, / quero por amor folgar; / se me mandades traballar, / morrer quero traballando. / Dicide onde, como e cando? / Dicide, doce Amor, dicide: / Que mandades facer de min?»21. Ou aquela cantiga de san Xoán da Cruz, que comeza dun xeito encantador: «Un pastoriño senlleiro está magoado, / alleo de pracer e de contento, / e na súa pastora posto o pensamento / e o peito de amor moi lacerado»22.

O amor humano, cando é limpo, prodúceme un inmenso respecto, unha veneración indicible. Como non imos estimar eses agarimos santos, nobres, dos nosos pais, aos que debemos unha grande parte da nosa amizade con Deus? Eu bendigo ese amor coas dúas mans; e cando me teñen preguntado porque digo coas dúas mans, a miña resposta inmediata foi: porque non teño catro!

Bendito sexa o amor humano! Pero a min o Señor pediume máis. E, isto afírmao a teoloxía católica, entregarse por amor ao Reino dos ceos só a Xesús e, por Xesús, a todos os homes, é algo máis sublime que o amor matrimonial, aínda que o matrimonio sexa un sacramento e sacramentum magnum23.

Mais, en calquera caso, cadaquén no seu sitio, coa vocación que Deus lle infundiu na alma —solteiro, casado, viúvo, sacerdote— ten que se esforzar en vivir delicadamente a castidade, que é virtude para todos e de todos esixe loita, delicadeza, primor, afouteza, esa fineza que só se entende cando nos colocamos a carón do Corazón namorado de Cristo na Cruz. Non vos preocupedes se nalgún momento sentides a tentación que vos axexa. Unha cousa é sentir, e outra consentir. A tentación pódese rexeitar facilmente coa axuda de Deus. O que non cómpre de ningún xeito é dialogar.

Notas
21

Santa Tareixa de Xesús, Vuestra soy, para Vos nací. Poesías, 5, 9.

22

San Xoán da Cruz, Otras canciones a lo divino de Cristo y el alma. Poesías, 10.

23

Eph V, 32.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma