185

Os medios para vencer

Vexamos con que recursos contamos sempre os cristiáns para vencer nesta loita por gardar a castidade: non como anxos, senón como mulleres e homes sans, fortes, normais! Venero con toda a miña alma os anxos, úneme a ese exército de Deus unha grande devoción; pero compararnos con eles non me gusta, porque os anxos teñen unha natureza distinta da nosa, e esa equiparación suporía unha desorde.

En moitos ambientes xeneralizouse un clima de sensualidade que, unido á confusión doutrinal, leva a tantos a xustificar calquera aberración ou, polo menos, a demostrar a tolerancia máis indiferente por todo tipo de costumes licenciosos.

Temos que ser o máis limpos que poidamos, con respecto ao corpo, sen medo, porque o sexo é algo santo e nobre — participación no poder creador de Deus—, feito para o matrimonio. E, así, limpos e sen medo, coa vosa conduta daredes o testemuño da posibilidade e da fermosura da santa pureza.

En primeiro termo, empeñarémonos en afinar a nosa conciencia, afondando o necesario ata ter a seguridade de adquirirmos unha boa formación, distinguindo ben entre a conciencia delicada —auténtica graza de Deus— e a conciencia escrupulosa, que é algo distinto.

Coidade con moito esmero a castidade, e tamén aqueloutras virtudes que forman o seu cortexo —a modestia e o pudor—, que resultan como a súa salvagarda. Non pasedes con lixeireza por riba desas normas que son tan eficaces para conservarse dignos da mirada de Deus: a custodia atenta dos sentidos e do corazón; a valentía —a valentía de ser covarde— para fuxir das ocasións; a frecuencia dos sacramentos, de xeito particular da Confesión sacramental; a sinceridade plena na dirección espiritual persoal; a dor, a contrición, a reparación despois das faltas. E todo unxido cunha tenra devoción a Nosa Señora, para que Ela nos obteña de Deus o don dunha vida santa e limpa.

Este punto noutro idioma