186

Se, por desgraza, se cae, hai que se erguer decontado. Coa axuda de Deus, que non faltará cando se poñen os medios, hase de chegar canto antes ao arrepentimento, á sinceridade humilde, á reparación, de xeito que a derrota momentánea se transforme nunha grande vitoria de Xesucristo.

Acostumádevos tamén a levar a loita a puntos que estean afastados dos muros da fortaleza. Non se pode andar a facer equilibrios nas fronteiras do mal: temos que evitar con afouteza o voluntario in causa, temos que rexeitar ata o máis pequeno desamor; temos que fomentar as ansias dun apostolado cristián, continuo e fecundo, que precisa a santa pureza como alicerce e como un dos seus froitos máis característicos. Ademais debemos encher sempre o tempo cun traballo intenso e responsable, buscando a presenza de Deus, porque non debemos esquecer xamais que fomos mercados a grande prezo, e que somos templos do Espírito Santo.

E que outros consellos vos suxiro? Pois os procedementos que utilizaron sempre os cristiáns que pretendían de verdade seguir a Cristo, os mesmos que empregaron aqueles primeiros que percibiron o alentar de Xesús: o trato asiduo co Señor na Eucaristía, a invocación filial á Santísima Virxe, a humildade, a temperanza, a mortificación dos sentidos —«que non compre mirar o que non é lícito desexar», advertía san Gregorio Magno24— e a penitencia.

Dirédesme que todo iso resume, sen máis, a vida cristiá. Certamente, non cabe separar a pureza, que é amor, da esencia da nosa fe, que é caridade, o renovado namorarse de Deus que nos creou, que nos redimiu e que nos colle continuamente da man, aínda que non o advirtamos en multitude de circunstancias. Non pode abandonarnos. Sión dicía: Iavé abandonoume, o Señor esqueceuse de min. Pode a muller esquecerse do froito do seu ventre, non se compadecer do fillo das súas entrañas? Pois aínda que ela se esquecese, Eu nunca te esquecería25. Non vos infunden estas palabras un gozo inmenso?

Notas
24

San Gregorio Magno, Moralia, 21, 2, 4 (PL 76, 190).

25

Is XLIX, 14-15.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma