188
Como lograremos superar esas mesquindades? Insisto, pola súa importancia capital: con humildade, e con sinceridade na dirección espiritual e no Sacramento da Penitencia. Ide aos que orientan as vosas almas co corazón aberto; non o pechedes, porque cando se mete o demo mudo, é difícil de sacar.
Perdoade a miña teimosía, mais xulgo imprescindible que se grave a fogo na vosa intelixencia, que a humildade e —a súa consecuencia inmediata— a sinceridade enlazan os outros medios, e móstranse como algo que fundamenta a eficacia para a vitoria. Se o demo mudo se introduce nunha alma, bótao todo a perder; en cambio, cando se chimpa fóra inmediatamente, todo sae ben, somos felices, a vida marcha rectamente: sexamos sempre salvaxemente sinceros, pero con prudente educación.
Quero que isto quede claro; a min non me preocupan tanto o corazón e a carne, como a soberbia. Humildes. Cando pensedes que tedes toda a razón, non tedes razón ningunha. Ide á dirección espiritual coa alma aberta: non a pechedes, porque —repito— se mete o demo mudo, que é difícil de sacar.
Acordádevos daquel pobre endemoñado, que non conseguiron liberar os discípulos; só o Señor obtivo a súa liberdade, con oración e xaxún. Naquela ocasión o Mestre obrou tres milagres: o primeiro, que oíse: porque cando nos domina o demo mudo, a alma négase a oír; o segundo, que falase; e o terceiro, que se fose o diabo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/188/ (14-12-2025)