19

Na persoal intimidade, na conduta externa; no trato cos demais, no traballo, cadaquén ha procurar manterse en con-tinua presenza de Deus, cunha conversa —un diálogo— que non se manifesta cara fóra. Mellor dito, non se expresa de ordinario con ruído de palabras, mais hase de notar polo empeño e pola amorosa dilixencia que poñemos en acabar ben as tarefas, tanto as importantes coma as miúdas. Se non procedésemos con ese tesón, seriamos pouco consecuentes coa nosa condición de fillos de Deus, porque teriamos desperdiciado os recursos que o Señor colocou providencialmente ao noso alcance, para que arribemos ao estado do home perfecto, á medida da idade perfecta segundo Cristo24.

Durante a última guerra española, viaxaba con frecuencia para atender sacerdotalmente a moitos mozos que se atopaban na fronte. Nunha trincheira, escoitei un diálogo que me quedou moi gravado. Preto de Teruel, un soldado novo comentaba doutro, polo visto un pouco indeciso, pusilánime: ese non é un home dunha peza! Causaríame unha tristeza enorme, que de calquera de nós se puidese afirmar, con fundamento, que somos inconsecuentes; homes que aseguran que queren ser autenticamente cristiáns, santos, pero que desprezan os medios, xa que no cumprimento das súas obrigas non manifestan continuamente a Deus o seu agarimo e o seu amor filial. Se dese xeito se debuxase a nosa situación, tampouco seriamos, nin ti nin eu, cristiáns dunha peza.

Notas
24

Eph IV, 13.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma