193
Noso Señor cuspiu na terra, formou lodo coa saliva, aplicouno sobre os ollos do cego, e díxolle: anda, e lávate na piscina de Siloé, que significa Enviado. Foi, pois, o cego e lavouse alí, e volveu con vista7.
Que exemplo de fe segura nos ofrece este cego! Unha fe viva, operativa. Condúceste ti así cos mandatos de Deus, cando moitas veces estás cego, cando nas preocupacións da túa alma se agocha a luz? Que poder contiña a auga, para que ao humedecer os ollos fosen curados? Sería máis apropiado un misterioso colirio, unha preciosa medicina preparada no laboratorio dun sabio alquimista. Mais aquel home cre; pon por obra o mandato de Deus, e volve cos ollos cheos de claridade.
«Pareceu útil —escribiu santo Agostiño comentando esta pasaxe— que o Evanxelista explicase o significado do nome da piscina, anotando que quere dicir Enviado. Agora entendedes quen é este Enviado. Se o Señor non nos fora enviado, ninguén de nós tería sido librado do pecado»8. Temos que crer con fe firme en quen nos salva, nese Médico divino que foi enviado precisamente para sandarnos. Crer con tanta máis forza canta maior e máis desesperada sexa e enfermidade que padezamos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/193/ (14-12-2025)