195

A fe de Bartimeu

Desta volta é san Marcos o que nos conta a curación doutro cego. Ao saír de Xericó cos seus discípulos, seguido de moito xentío, Bartimeu o cego, fillo de Timeu, estaba sentado a carón do camiño para pedir esmola10. Oíndo aquel grande balbordo de xente, o cego preguntou: que pasa? Contestáronlle: Xesús de Nazaret. E entón acendéuselle tanto a alma na fe de Cristo, que berrou: Xesús, fillo de David, ten compaixón de min11.

Non che dan ganas de berrar a ti, que estás tamén á beira do camiño, dese camiño da vida, que é tan curta; a ti, que che faltan luces; a ti, que necesitas máis grazas para decidirte a buscar a santidade? Non sentes a urxencia de clamar: Xesús, fillo de David, ten compaixón de min? Que fermosa xaculatoria, para que a repitas con frecuencia!

Aconséllovos que meditedes de vagar os momentos que preceden o prodixio, co fin de que conservedes gravada na vosa mente unha idea moi clara: que distintos son, do Corazón misericordioso de Xesús, os nosos pobres corazóns! Serviravos sempre, e de xeito moi especial á hora da proba, da tentación, e tamén á hora da resposta xenerosa nos pequenos quefaceres e nas ocasións heroicas.

Había alí moitos que lle rifaban a Bartimeu co intento de que calase12. Como a ti, cando sospeitaches que Xesús pasaba á túa beira. Acelerouse o latexar do teu peito e comezaches tamén a clamar, removido por unha íntima inquedanza. E amigos, costumes, comodidade, ambiente, todos te aconsellaron: cala, non deas voces! Por que tes que chamar a Xesús? Non o molestes!

Pero o pobre Bartimeu non os escoitaba, e aínda continuaba con máis forza: Fillo de David, ten compaixón de min. O Señor, que o oíu desde o principio, deixouno perseverar na súa oración. O mesmo ca ti. Xesús percibe a primeira invocación da nosa alma, pero espera. Quere que nos convenzamos de que o necesitamos; quere que lle roguemos, que sexamos teimudos, como aquel cego que estaba a carón do camiño que saía de Xericó. «Imitémolo. Aínda que Deus non nos conceda axiña o que lle pedimos, aínda que moitos pretendan afastarnos da oración, non deixemos de implorarlle»13.

Notas
10

Mc X, 46.

11

Mc X, 47.

12

Mc X, 48.

13

San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 66, 1 (PG 58, 626).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma