196
196 Parándose daquela Xesús, mandouno chamar. E algúns dos mellores que o arrodeaban, diríxense ao cego: ei, bo ánimo, que te chama14. É a vocación cristiá! Mais non é unha soa a chamada de Deus. Considerade ademais que o Señor nos busca en cada instante: levántate —indícanos—, sae da túa preguiza, da túa comodidade, dos teus pequenos egoísmos, dos teus problemas sen importancia. Despégate da terra, que estás aí plano, chato, informe. Adquire altura, peso e volume e visión sobrenatural.
Aquel home, guindando lonxe a súa capa, ao instante púxose en pé e foi cara el 15. Tirando a súa capa! Non sei se ti terás estado na guerra. Hai xa moitos anos, eu puiden pisar algunha vez un campo de batalla, despois dalgunhas horas de ter rematado a pelexa; e alí había, abandonados polo chan, mantas, cantimploras e macutos cheos de recordos de familia: cartas, fotografías de persoas amadas... E non eran dos derrotados; eran dos vitoriosos! Aquilo, todo aquilo sobráballes, para correr máis á présa e saltar o parapeto inimigo. Como a Bartimeu, para correr detrás de Cristo.
Non esquezas que, para chegar ata Cristo, cómpre o sacrificio; tirar todo o que estorbe: manta, macuto, cantimplora. Ti tes que proceder do mesmo xeito nesta contenda polo reino de Deus, nesta loita de amor e de paz, coa que tratamos de estender o reinado de Cristo. Por servir á Igrexa, ao Romano Pontífice e ás almas, debes estar disposto a renunciar a todo o que sobre; a quedar sen esa manta, que é o abrigo das noites crúas; sen eses recordos amados da familia; sen o refrixerio da auga. Lección de fe, lección de amor. Porque hai que amar a Cristo así.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/196/ (14-12-2025)