199

Fe e humildade

Agora é san Mateu quen nos conta unha situación conmovedora. Velaquí que unha muller, que había doce anos que padecía un fluxo de sangue, veu por detrás e rozou a beira da súa vestidura19. Que humildade a súa! Porque pensaba para ela: con que soamente poida tocar o seu vestido vereime curada20. Nunca faltan enfermos que imploran, como Bartimeu, cunha fe grande, que non teñen reparos en confesar a berros. Pero mirade como, no camiño de Cristo, non hai dúas almas iguais. Grande é tamén a fe desta muller, e ela non berra: achégase sen que ninguén a note. Bástalle tocar un pouco a roupa de Xesús, porque está segura de que será curada. Cando apenas o fixo, o Noso Señor vólvese e míraa. Xa sabe o que ocorre no interior daquel corazón; advertiu a súa seguridade: filla, ten confianza, a túa fe salvoute21.

«Tocou delicadamente o rodo do manto, achegouse con fe, creu e soubo que fora sandada... Así nós, se queremos ser salvados, toquemos con fe o vestido de Cristo»22. Persuádeste de como ten que ser a nosa fe? Humilde. Quen es ti, quen son eu, para merecer esta chamada de Cristo? Quen somos, para estar tan preto del? Como a aquela pobre muller entre a multitude, ofreceunos unha ocasión. E non para tocar un pouquiño o seu vestido, ou un momento o estremo do seu manto, a orla. Témolo a El. Entrégasenos totalmente, co seu Corpo, co seu Sangue, coa súa Alma e coa súa Divindade. Comémolo cada día, falamos intimamente con El, como se fala co pai, como se fala co Amor. E isto é verdade. Non son imaxinacións.

Notas
19

Mt IX, 20.

20

Mt IX, 21.

21

Mt IX, 22.

22

Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, 6, 56, 58 (PL 15, 1682-1683).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma