20
Procuremos fomentar no fondo do corazón un desexo ardente, un afán grande de acadar a santidade, a pesares de que nos contemplemos cheos de miserias. Non vos asustedes; á medida que se avanza na vida interior, percíbense con maior claridade os defectos persoais. Acontece que a axuda da graza se transforma coma nuns cristais de aumento, e aparece con dimensións xigantescas ata o lixo máis minúsculo, o gran de area case imperceptible, porque a alma adquire a finura divina, e mesmo a sombra máis pequena molesta á conciencia, que só gusta da limpeza de Deus. Dillo agora desde o fondo do teu corazón: Señor, de verdade quero ser santo, de verdade quero ser un digno discípulo teu e seguirte sen condicións. De seguida terás que te propoñer a intención de renovar decotío os grandes ideais que te animan nestes momentos.
Xesús, se os que nos reunimos no teu Amor fósemos perseverantes! Se lográsemos traducir en obras eses degoiros que Ti mesmo espertas nas nosas almas! Preguntádevos con moita frecuencia: eu, para que estou na terra? E así procuraredes o perfecto acabamento —cheo de caridade— das tarefas que emprendades cada xornada e o coidado das cousas pequenas. Fixarémonos no exemplo dos santos: persoas coma nós, de carne e óso, con fraquezas e debilidades, que souberon vencer e vencerse por amor de Deus; consideraremos a súa conduta e —como as abellas que destilan de cada flor o néctar máis precioso— sacaremos proveito das súas loitas. Vós e mais eu aprenderemos tamén a descubrir tantas virtudes nos que nos rodean —dannos leccións de traballo, de abnegación, de alegría...—, e non nos deteremos demasiado nos seus defectos; só cando resulte imprescindible, para axudalos coa corrección fraterna.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/20/ (14-12-2025)