201

Vida ordinaria e contemplación

Volvemos ao Santo Evanxeo, e detémonos no que nos refire san Mateu, no capítulo vinte e un. Relátanos que Xesús, volvendo á cidade, tivo fame, e descubrindo unha figueira á beira do camiño achegouse alí 25 . Que ledicia, Señor, verte con fame, verte tamén cabo do Pozo de Sicar, sedento!26. Contémplote perfectus Deus, perfectus homo27: verdadeiro Deus, pero verdadeiro home; con carne como a miña. Anonadouse a si mesmo, tomando a forma de servo28, para que eu non dubidase nunca de que me entende, de que me ama.

Tivo fame. Cando nos cansemos —no traballo, no estudo, na tarefa apostólica—, cando atopemos cerrazón no horizonte, daquela, os ollos a Cristo: a Xesús bo, a Xesús cansado, a Xesús famento e sedento. Como te fas entender, Señor! Como te fas querer! Móstrastenos coma nós, en todo menos no pecado para que apalpemos que contigo podemos vencer as nosas malas inclinacións, as nosas culpas. Porque non importan nin o cansazo, nin a fame, nin a sede, nin as bagoas... Cristo cansouse, pasou fame, estivo sedento, chorou. O que importa é a loita —unha contenda amable, porque o Señor permanece sempre ao noso carón— para cumprir a vontade do Pai que está nos ceos29.

Notas
25

Mt XXI, 18-19.

26

Cfr. Ioh IV, 7.

27

Símbolo Quicumque.

28

Phil II, 7.

29

Cfr. Ioh IV, 34.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma