202
Achégase á figueira: achégase a ti e achégase a min. Xesús, con fame e sede de almas. Desde a Cruz clamou: sitio! 30, teño sede. Sede de nós, do noso amor, das nosas almas e de todas as almas que debemos levar onda El, polo camiño da Cruz, que é o camiño da inmortalidade e da gloria do Ceo.
Aproximouse á figueira, enon atopou senón soamente follas31. Isto é lamentable. Ocorre así na nosa vida? Ocorre que tristemente falta fe, vibración de humildade, que non aparecen sacrificios nin obras? Que só está a fachada cristiá, pero que carecemos de proveito? É terrible. Porque Xesús ordena: nunca xamais naza de ti froito. E a figueira secou de súpeto32. Dános magoa esta pasaxe da Escritura Santa, ao tempo que tamén nos anima a acender a fe, a vivir conforme a fe, para que Cristo reciba sempre ganancia de nós.
Non nos enganemos: o Noso Señor non depende xamais das nosas construcións humanas; os proxectos máis ambiciosos son, para El, xogo de nenos. El quere almas, quere amor; quere que todos acudan, pola eternidade, a gozar do seu Reino. Temos que traballar moito na terra; e temos que traballar ben, porque esa tarefa ordinaria é a que debemos santificar. Mais non nos esquezamos nunca de realizala por Deus. Se a fixésemos por nós mesmos, por orgullo, produciriamos só follada: nin Deus nin os homes acadarían, en árbore tan frondosa, un pouco de dozura.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/202/ (14-12-2025)