203
Despois, ao mirar a figueira agostada, os discípulos marabilláronse e comentaban: como secou nun intre? 33. Aqueles primeiros doce que presenciaron tantos milagres de Cristo, pasman unha vez máis; a súa fe aínda non queimaba. Por iso o Señor asegura: en verdade dígovos, que se tedes fe e non andades a vacilar, non só faredes isto da figueira, senón que aínda cando digades a ese monte: arráncate e bótate ao mar, así o fará 34. Xesucristo pon esta condición: que vivamos de fe, porque despois seremos quen de remover os montes. E hai tantas cousas que remover... no mundo e, primeiro, no noso corazón. Tantos obstáculos á graza! Fe, pois; fe con obras, fe con sacrificio, fe con humildade. Porque a fe nos converte en criaturas omnipotentes: e todo canto pidades na oración, como teñades fe, acadarédelo35.
O home de fe sabe xulgar ben das cuestións terreas, sabe que isto de aquí abaixo é, en frase da Madre Tareixa, unha mala noite nunha mala pousada36. Renova o seu convencemento de que a nosa existencia na terra é tempo de traballo e de pelexa, tempo de purificación para saldar a débeda debida á xustiza divina, polos nosos pecados. Sabe tamén que os bens temporais son medios, e úsaos xenerosamente, heroicamente.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/203/ (14-12-2025)