204
A fe non é só para predicala, senón especialmente para practicala. Poida que con frecuencia nos falten as forzas. Entón —e acudimos de novo ao Santo Evanxeo—, comportádevos como aquel pai do rapaz lunático. Interesábase pola salvación do seu fillo, esperaba que Cristo o curaría, pero non remata de crer en tanta felicidade. E Xesús, que sempre pide fe, coñecendo as perplexidades daquela alma, anticípase: se ti podes crer, todo é posible para o que cre37. Todo é posible: omnipotentes! Mais con fe. Aquel home sente que a súa fe vacila, teme que esa escaseza de confianza impida que o seu fillo recobre a saúde. E chora. Que non vos dea vergonza ese pranto: é froito do amor de Deus, da oración contrita, da humildade. E o pai do rapaz, bañado en bagoas, exclamou: Oh Señor!, eu creo: axuda ti a miña descrenza38.
Dicímosllo agora nós coas mesmas palabras, ao rematar este tempo de meditación. Señor, eu creo! Fun educado na fe, decidín seguirte de preto. Repetidamente, ao longo da miña vida, implorei a túa misericordia. E, repetidamente tamén, vin como imposible que ti puideses facer tantas marabillas no corazón dos teus fillos. Señor, creo! Pero axúdame, para crer máis e mellor!
E diriximos tamén esta pregaria a Santa María, Nai de Deus e Nai Nosa, Mestra de fe: benaventurada ti, que criches!, porque se cumprirán as cousas que se che anunciaron de parte do Señor39.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/204/ (14-12-2025)