207

Esperanzas terreas e esperanza cristiá

Con monótona cadencia sae da boca de moitos o ritornello, xa tan manido, de que a esperanza é o derradeiro que se perde; como se a esperanza fose unha amarradoira para seguir deambulando sen complicacións, sen inquietudes de conciencia; ou como se fose un expediente que permitise aprazar sine die a oportuna rectificación da conduta, a loita por acadar metas nobres e, sobre todo, a fin suprema de unirnos con Deus.

Eu diría que ese é o camiño para confundir a esperanza coa comodidade. No fondo, non hai ansias de acadar un verdadeiro ben, nin espiritual, nin material lexítimo; a pretensión máis alta dalgúns limítase a esquivar o que podería alterar a tranquilidade —aparente— dunha existencia mediocre. Cunha alma tímida, encollida, preguiceira, a criatura énchese de sutís egoísmos e confórmase con que os días, os anos, transcorran sine spe nec metu, sen aspiracións que esixan esforzos, sen os desacougos da pelexa: o que importa é evitar o risco do desaire e das bagoas. Que lonxe se está de obter algo, cando se malogrou o desexo de posuílo, por temor ás esixencias que comporta a súa conquista!

Non falta tampouco a actitude superficial dos que –incluso con visos de afectada cultura ou de ciencia– compoñen coa esperanza poesía fácil. Incapaces de enfrontarse sinceramente coa súa intimidade e de decidirse polo ben, limitan a esperanza a unha ilusión, a un soño utópico, ao simple consolo ante as congoxas dunha vida difícil. A esperanza —falsa esperanza!— trócase para estes nunha frívola veleidade, que non conduce a nada.

Este punto noutro idioma