208

Mais se abundan os temerosos e os frívolos, nesta terra nosa moitos homes rectos, impulsados por un nobre ideal —malia que sen motivos sobrenaturais, por filantropía—, afrontan toda clase de privacións e gástanse xenerosamente en servir os outros, en axudalos nos seus sufrimentos ou nas súas dificultades. Síntome sempre movido a respectar, e mesmo a admirar a tenacidade de quen traballa decididamente por un ideal limpo. Non obstante, considero unha obriga miña lembrar que todo o que iniciamos aquí, se é empresa exclusivamente nosa, nace co selo da caducidade. Meditade as palabras da Escritura: contemplei todo canto fixeran as miñas mans e todos os afáns que tiven ao facelo, e vin que todo era vaidade e apacentarse de vento, que non hai proveito ningún debaixo do sol 5.

Esta precariedade non abafa a esperanza. Pola contra, cando recoñecemos as pequeneces e a continxencia das iniciativas terreas, ese traballo ábrese á auténtica esperanza, que eleva todo o humano quefacer e convérteo en lugar de encontro con Deus. Aluméase deste xeito esa tarefa cunha luz perenne, que arreda as tebras das desilusións. Mais se transformamos os proxectos temporais en metas absolutas, cancelando do horizonte a morada eterna e o fin para o que fomos creados —amar e loar o Señor, e posuílo despois no Ceo—, os máis brillantes intentos viran en traizóns, e mesmo en vehículo para envilecer as criaturas. Lembrade a sincera e famosa exclamación de santo Agostiño, que experimentara tantas amarguras mentres descoñecía a Deus, e buscaba fóra del a felicidade: «creástesnos, Señor, para ser teus, e o noso corazón está inquedo ata que descanse en Ti!»6. Poida que non exista nada máis tráxico na vida dos homes que os enganos padecidos pola corrupción ou pola falsificación da esperanza, presentada cunha perspectiva que non ten como obxecto o Amor que sacia sen fartar.

A min, e desexo que a vós vos suceda o mesmo, a seguridade de sentirme —de saberme— fillo de Deus éncheme de verdadeira esperanza que, por ser virtude sobrenatural, ao infundirse nas criaturas acomódase á nosa natureza, e tamén é virtude humana. Estou feliz coa certeza do Ceo que acadaremos, se permanecemos fieis ata o final; coa dita que nos chegará, quoniam bonus7, porque o meu Deus é bo e é infinita a súa misericordia. Esta convicción incítame a comprender que só o que está marcado pola pegada de Deus revela o sinal indeleble da eternidade, e o seu valor é imperecedoiro. Por iso, a esperanza non me afasta das cousas da terra, senón que me achega a esas realidades dun xeito novo, cristián, que trata de  descubrir en todo a relación da natureza, caída, con Deus Creador e con Deus Redentor.

Notas
5

Eccli II, 11.

6

Santo Agostiño, Confessiones, 1, 1, 1 (PL 32, 661).

7

Ps CV, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma