210

Non nos creou o Señor para constituír aquí unha Cidade definitiva9, porque «este mundo é o camiño para o outro, que é morada sen pesar»10. Non obstante, os fillos de Deus non nos debemos desentender das actividades terreas, nas que nos colo-ca o Señor para santificalas, para impregnalas da nosa fe bendita, a única que trae verdadeira paz, ledicia auténtica ás almas e aos distintos ambientes. Esta foi a miña predicación constante desde 1928: urxe cristianizar a sociedade; levar a todos os estratos desta humanidade nosa o sentido sobrenatural, de modo que uns e outros nos empeñemos en elevar á orde da graza o quefacer diario, a profesión ou oficio. Deste xeito, todas as ocupacións humanas se alumearán cunha esperanza nova, que transcende o tempo e a caducidade do mundano.

Polo Bautismo, somos portadores da palabra de Cristo, que serena, que acende e acouga as conciencias feridas. E para que o Señor actúe en nós e a través de nós, temos que lle dicir que estamos dispostos a loitar cada xornada, aínda que nos vexamos febles e inútiles, aínda que percibamos o peso inmenso das miserias persoais e da propia persoal debilidade. Temos que lle repetir que confiamos nel, na súa axuda: se é preciso, como Abraham, contra toda esperanza11. Así, traballaremos con  renovado empeño, e ensinarémoslle á xente a reaccionar con serenidade, libres de odios, de receos, de ignorancias, de incomprensións, de pesimismos, porque Deus todo o pode.

Notas
9

Cfr. Hebr, 14.

10

Jorge Manrique, Coplas, V.

11

Rom IV, 18.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma