211

Alí onde nos atopemos, exhórtanos o Señor: vela! Alimentemos nas nosas conciencias, ante esa petición de Deus, os de sexos esperanzados de santidade, con obras. Dáme, meu fillo, o teu corazón12, suxírenos ao oído. Déixate de construír castelos coa fantasía, decídete a abrir a túa alma a Deus, pois exclusivamente no Señor atoparás fundamento real para a túa esperanza e para facer o ben aos demais. Cando non se loita consigo mesmo, cando non se rexeitan terminantemente os inimigos que están dentro da cidadela interior —o orgullo, a envexa, a concupiscencia da carne e dos ollos, a autosuficiencia, a atolada avidez de libertinaxe—, cando non existe esa pelexa interior, os máis nobres ideais agóstanse como a flor do feo, que ao saír o sol ardente, seca a herba, cae a flor, e remata a súa vistosa fermosura13. Despois, na menor rañura agromarán o desalento e a tristeza, como unha planta danosa e invasora.

Non se conforma Xesús cun asentimento con titubeos. Pretende, ten dereito a que camiñemos con enteireza, sen concesións ante as dificultades. Esixe pasos firmes, concretos; xa que, de ordinario, os propósitos xerais serven para pouco. Eses propósitos tan pouco delineados parécenme ilusións falaces, que intentan acalar as chamadas divinas que percibe o corazón; fogos fatuos, que non queiman nin dan calor, e que desaparecen coa mesma fugacidade coa que xurdiron.

Por iso, convencereime de que as túas intencións para acadar a meta son sinceras, se che veo marchar con determinación. Obra o ben, revisando as túas actitudes ordinarias ante a ocupación de cada instante; practica a xustiza, precisamente nos ámbitos que frecuentas, aínda que te dobres pola fatiga; fomenta a felicidade dos que te arrodean, servindo aos outros con alegría no lugar do teu traballo, con esforzo para rematalo coa maior perfección posible, coa túa comprensión, co teu sorriso, coa túa actitude cristiá. E todo, por Deus, co pensamento na súa gloria, coa mirada alta, anhelando a Patria definitiva, que só esa fin paga a pena.

Notas
12

Prv XXIII, 26.

13

Iac I, 10-11.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma