212
Todo o podo
Se non loitas, non me digas que te intentas identificar máis con Cristo, coñecelo, amalo. Cando emprendemos o camiño real de seguir a Cristo, de portármonos como fillos de Deus, non se nos agocha o que nos agarda: a Santa Cruz, que temos que contemplar como o punto central onde se apoia a nosa esperanza de unirnos ao Señor.
Anticípoche que este programa non resulta unha empresa cómoda; que vivir ao xeito que sinala o Señor supón esforzo. Léovos a enumeración do Apóstolo, cando refire as súas peripecias e os seus sufrimentos por cumprir a vontade de Xesús: cinco veces recibín dos xudeus corenta azoutes menos un. Tres veces fun azoutado con varas; unha vez apedrado; tres veces naufraguei; estiven unha noite e un día afundido no mar de fóra. En viaxes, moitas veces, perigos de ríos, perigos de ladróns, peri-gos dos da miña nación, perigos dos xentís, perigos no poboado, perigos no despoboado, perigos no mar, perigos entre os falsos irmáns; en traballos e miserias, en moitas vixilias, en fame e sede, en moitos xaxúns, en frío e nudez. Amais destes sucesos exteriores, cargan sobre min as ocupacións de acotío pola solicitude de todas as igrexas14.
Gústame nestas conversas co Señor cinguirme á realidade na que nos desenvolvemos, sen me inventar teorías, nin soñar con grandes renuncias, con heroicidades, que habitualmente non se dan. Importa que aproveitemos o tempo, que se nos escapa das mans e que, con criterio cristián, é máis que ouro, porque representa un anticipo da gloria que se nos concederá despois.
Loxicamente, na nosa xornada non nos atoparemos con tales nin con tantas contradicións como as que se cruzaron na vida de Saulo. Nós descubriremos a baixeza do noso egoísmo, as poutadas da sensualidade, as labazadas dun orgullo inútil e ridículo, e moitas outras claudicacións: tantas, tantas fraquezas. Desacougarse? Non. Con san Paulo repetímoslle ao Señor: sinto satisfacción nas miñas enfermidades, nas aldraxes, nas necesidades, nas persecucións, nas angustias por amor de Cristo; pois cando estou feble, entón son máis forte15.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/212/ (14-12-2025)