214

A miseria e o perdón

O Señor achegouse tanto ás criaturas, que todos gardamos no corazón fames de altura, ansias de subir moi alto, de facer o ben. Se removo en ti esas aspiracións, é porque quero que te convenzas da seguridade que El puxo na túa alma: se lle deixas obrar, servirás —onde estás— como instrumento útil, cunha eficacia insospeitada. Para que non te apartes por covardía desa confianza que Deus deposita en ti, evita a presunción de menosprezar inxenuamente as dificultades que aparecerán no teu camiño de cristián.

Non nos temos que estrañar. Arrostramos en nós mesmos —consecuencia da natureza caída— un principio de oposición, de resistencia á graza: son as feridas do pecado de orixe, infectadas polos nosos pecados persoais. Polo tanto, temos que emprender esas ascensións, esas tarefas divinas e humanas — as de cada día—, que sempre desembocan no amor de Deus, con humildade, con corazón contrito, confiados na asistencia divina e dedicando os nosos mellores esforzos como se todo dependese dun mesmo.

Mentres pelexamos —unha pelexa que durará deica a morte—, non exclúas a posibilidade de que se alcen, violentos, os inimigos de fóra e de dentro. E por se fose pouco ese lastre, en ocasión xuntaranse de golpe na túa mente os erros cometidos, quizais abondosos. Dígocho no nome de Deus: non desesperes. Cando iso suceda —que non debe forzosamente suceder; nin será o habitual—, converte esa ocasión nun motivo de unirte máis ao Señor; porque El, que te escolleu como fillo, non te abandonará. Permite a proba, para que ames máis e descubras con máis clareza a súa continua protección, o seu Amor.

Insisto, ten ánimos, porque Cristo que nos perdoou na Cruz, segue a ofrecer o seu perdón no Sacramento da Penitencia, e sempre temos por avogado ante o Pai a Xesucristo, o Xusto. El mesmo é a vítima de propiciación polos nosos pecados: e non tan só polos nosos, senón tamén polos de todo o mundo18, para que academos a Vitoria.

Adiante, pase o que pase! Ben agarrado do brazo do Señor, considera que Deus non perde batallas. Se te afastas del por calquera motivo, reacciona coa humildade de comezar e recomezar; de facer de fillo pródigo todas as xornadas, mesmo repetidamente as vinte e catro horas do día; de axustar o teu corazón contrito na Confesión, verdadeiro milagre do Amor de Deus. Neste Sacramento marabilloso, o Señor limpa a túa alma e asolágate de ledicia e de forza para non desmaiar na pelexa, e para retornar sen cansazo a Deus, aínda cando todo che pareza escuro. Ademais, a Nai de Deus, que é tamén Nai nosa, protéxete coa súa solicitude maternal, e afiánzate nas túas pisadas.

Notas
18

1 Ioh II, 1-2.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma