215

Deus non se cansa de perdoar

Advirte a Escritura Santa que ata o xusto cae sete veces19. Sempre que teño lido estas palabras, estremecéuseme a alma cunha forte sacudida de amor e de dor. Unha vez máis vén o Señor ao noso encontro, con esa advertencia divina, para falarnos da súa misericordia, da súa tenrura, da súa clemencia, que nunca se acaban. Estade seguros: Deus non quere as nosas miserias, pero non as descoñece, e conta precisamente con esas debilidades para que nos fagamos santos.

Unha sacudida de amor, dicíavos. Miro a miña vida e, con sinceridade, vexo que non son nada, que non valgo nada, que non teño nada, que non podo nada; máis: que son a nada!, pero El é o todo e, ao mesmo tempo, e meu, e eu son seu, porque non me rexeita, porque se entregou por min. Tedes contemplado amor máis grande?

E unha sacudida de dor, pois repaso a miña conduta e abraio ante o cúmulo das miñas neglixencias. Bástame examinar as poucas horas que levo de pé neste día, para descubrir tanta falta de amor, de correspondencia fiel. Magóame de veras este comportamento meu, mais non me saca a paz. Axeónllome ante Deus, e expóñolle con clareza a miña situación. Deseguida recibo a seguridade da súa asistencia, e escoito no fondo do meu corazón que El me repite paseniño: meus es tu! 20; sabía —e sei— como es, adiante!

Non pode ser doutro xeito. Se acudimos continuamente a poñernos na presenza do Señor, medrará a nosa confianza, ao comprobar que o seu Amor e a súa chamada permanecen actuais: Deus non se cansa de amarnos. A esperanza demóstranos que, sen El, non conseguiremos realizar nin o máis pequeno deber; e con El, coa súa graza, cicatrizarán as nosas feridas; revestirémonos coa súa fortaleza para resistir os ataques do inimigo, e melloraremos. En resumo: a conciencia de que estamos feitos de barro de porrón hanos de servir, sobre todo, para afirmar a nosa esperanza en Cristo Xesús.

Notas
19

Prv XXIV, 16.

20

Is XLIII, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma