216
Mesturádevos con frecuencia entre os personaxes do Novo Testamento. Saboreade aquelas escenas conmovedoras nas que o Mestre actúa con xestos divinos e humanos, ou relata con xiros humanos e divinos a historia sublime do perdón, a do seu Amor ininterrompido polos seus fillos. Eses traslados do Ceo renóvanse tamén agora, na perennidade actual do Evanxeo: apálpase, nótase, cabe afirmar que se toca coas mans a protección divina; un amparo que gaña en vigor, cando imos adiante a pesar das zoupadas, cando comezamos e recomezamos, que isto é a vida interior, vivida coa esperanza en Deus.
Sen este afán de superar os obstáculos de dentro e de fóra, non se nos concederá o premio. Ningún atleta será premiado, se non loitase de verás21, «e non sería auténtico o combate, se faltase o adversario co que pelexar. Polo tanto, se non hai adversario, non haberá coroa; pois non pode haber vencedor alá onde non hai vencido»22.
Lonxe de desalentárennos as contrariedades teñen que ser un acicate para crecer como cristiáns: nesa pelexa santificámonos, e o noso labor apostólico adquire maior eficacia. Ao meditar eses momentos nos que Xesucristo —no horto das oliveiras e, máis tarde, no abandono e o ludibrio da Cruz— acepta e ama a Vontade do Pai, mentres sente o peso xigante da Paixón, temos que nos persuadir de que para imitar a Cristo, para ser bos discípulos seus, é preciso que abracemos o seu consello: se alguén quere vir após de min, néguese a si mesmo, tome a súa cruz, e sígame23. Por isto, gústame pedirlle a Xesús, para min: Señor, ningún día sen cruz! Dese xeito, coa graza divina, reforzarase o noso carácter, e serviremos de apoio ao noso Deus, por riba das nosas miserias persoais.
Compréndeo: se, ao cravar un cravo na parede, non atopases resistencia, que poderías colgar alí? Se non nos robustecemos, co auxilio divino, por medio do sacrificio, non acada-remos a condición de instrumentos do Señor. Pola contra, se nos decidimos a aproveitar con ledicia as contrariedades, por amor de Deus, non nos custará ante o difícil e o desagradable, ante o duro e o incómodo, exclamar cos Apóstolos Santiago e Xoán: podemos!24.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/216/ (14-12-2025)