217
A importancia da loita
Débovos previr ante un engano, que non desdeña empregar Satanás —ese non se toma vacacións!—, para arrincarnos a paz. Quizais nalgún instante se insinúa a dúbida, a tentación de pensar que se recúa lamentablemente, ou de que apenas se avanza; ata cobra forza o convencemento de que, non obstante o empeño en mellorar, empeórase. Asegúrovos que, de ordinario, ese xuízo pesimista reflicte unha falsa ilusión, un engano que cómpre rexeitar. Adoita acontecer, neses casos, que a alma se torna máis atenta, a conciencia máis fina, o amor máis esixente; ou ben, ocorre que a acción da graza alumea con máis intensidade, e saltan aos ollos tantos detalles que nunha penumbra pasarían inadvertidos. Sexa o que fose, temos que examinar atentamente esas inquedanzas, porque o Señor, coa súa luz, pídenos máis humildade e máis xenerosidade. Lembrádevos de que a Providencia de Deus nos conduce sen pausas, e non escatima o seu auxilio —con milagres portentosos e con milagres miúdos— para sacar adiante aos seus fillos.
Militia est vita hominis super terran, et sicut dies mercenarii, dies eius25, a vida do home sobre a terra é milicia, e os seus días transcorren co peso do traballo. Ninguén escapa a este imperativo; tampouco os lacazáns que se resisten a decatarse: desertan das filas de Cristo, e afánanse noutras contendas para satisfacer a súa galbana, a súa vaidade, as súas ambicións mesquiñas; andan escravos dos seus caprichos.
Se a situación de loita é connatural á criatura humana, procuremos cumprir as nosas obrigas con tenacidade, rezando e traballando con boa vontade, con rectitude de intención, coa mirada posta no que Deus quere. Deste xeito colmaranse as nosas ansias de Amor, e progresaremos na marcha cara a santidade, malia que ao rematar a xornada comprobemos que aínda nos queda por percorrer moita distancia.
Renovade cada mañá, cun serviam! decidido —servireite, Señor!—, o propósito de non ceder, de non caer na preguiza ou na desidia, de afrontar os quefaceres con máis esperanza, con máis optimismo, ben persuadidos de que se nalgunha escaramuza saímos vencidos poderemos superar ese atranco cun acto de amor sincero.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/217/ (14-12-2025)