218

A virtude da esperanza —seguridade de que Deus nos goberna coa súa providencial omnipotencia, que nos dá os medios necesarios— fálanos desa continua bondade do Señor cos homes, contigo, comigo, sempre disposto a oírnos, porque xamais se cansa de escoitar. Interésanlle as túas alegrías, os teus éxitos, o teu amor, e tamén os teus apuros, a túa dor, os teus fra-casos. Por iso, non esperes nel só cando tropeces coa túa debilidade; diríxete ao teu Pai do Ceo nas circunstancias favorables e nas adversas, acolléndote a súa misericordiosa protección. E a certeza da nosa nulidade persoal —non se require unha gran-de humildade para recoñecer esta realidade: somos unha auténtica multitude de ceros— virará nunha fortaleza irresistible, porque á esquerda do noso eu estará Cristo, e que cifra inconmensurable resulta!: o Señor é a miña fortaleza e o meu refuxio, a quen temerei? 26.

Afacédevos a ver a Deus detrás de todo, a saber que El nos agarda sempre, que nos contempla e reclama xustamente que o sigamos con lealdade, sen abandonar o lugar que neste mundo nos corresponde. Temos que camiñar con vixilancia afectuosa, cunha preocupación sincera de loitar, para non perder a súa divina compaña.

Notas
26

Ps XXVI, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma