219

Esta loita do fillo de Deus non vai unida a tristes renuncias, a escuras resignacións, a privacións de alegría: é a reacción do namorado, que mentres traballa e mentres descansa, mentres goza e mentres padece, pon o seu pensamento na persoa amada, e por ela enfróntase gustosamente cos diferentes problemas. No noso caso, ademais, como Deus –insisto– non perde batallas, nós, con El, chamarémonos vencedores. Teño a experiencia de que, se me axusto fielmente aos seus requirimentos, ponme en verdes prados e lévame a frescas augas. Recrea a miña alma, e guíame por amor ao seu nome. Aínda que teña que pasar por un val tenebroso, non temo mal ningún, porque ti estás comigo. A túa clava e o teu caxato son o meu consolo27.

Nas batallas da alma, a estratexia moitas veces é cuestión de tempo, de aplicar o remedio conveniente, con paciencia, con teimosía. Aumentade os actos de esperanza. Lémbrovos que sufriredes derrotas, ou que pasaredes altibaixos —Deus permita que sexan imperceptibles— na vosa vida interior, porque ninguén anda libre deses contratempos. Mais o Señor, que é omnipotente e misericordioso, concedeunos os medios idóneos para vencer. Basta que os empreguemos, como vos comentaba antes, coa resolución de comezar e recomezar en cada momento, se fose preciso.

Achegádevos semanalmente —e sempre que o necesitedes, sen dar cabida aos escrúpulos— ao Santo Sacramento da Penitencia, ao sacramento do divino perdón. Revestidos da graza, cruzaremos a través dos montes28, e subiremos a costa do cumprimento do deber cristián, sen detérmonos. Utilizando estes recursos, con boa vontade, e rogándolle ao Señor que nos outorgue unha esperanza cada día máis grande, posuiremos a ledicia contaxiosa dos que se saben fillos de Deus: se Deus está connosco, quen nos poderá derrotar? 29. Optimismo, polo tanto. Movidos pola forza da esperanza, loitaremos para borrar a mancha viscosa que estenden os sementadores do odio, e redescubriremos o mundo cunha perspectiva gozosa, porque saíu fermoso e limpo das mans de Deus, e así de belo restituirémosllo a El, se aprendemos a nos arrepentir.

Notas
27

Ps XXII, 2-4.

28

Cfr. Ps CIII, 10.

29

Rom VIII, 31.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma