22

Se consentes en que Deus domine a túa nave, que El sexa o amo, que seguridade!..., tamén cando parece que se ausenta, que se queda adurmiñado, que se despreocupa, e levántase a treboada no medio das tebras máis escuras. Relata san Marcos que nesas circunstancias se atopaban os Apóstolos; e Xesús, ao velos remar con grande fatiga —por canto o vento éralles contrario— a iso da cuarta hora nocturna, veu cara eles camiñando sobre o mar... Recuperade o ánimo, son eu, non tedes nada que temer. E meteuse con eles na barca, e cesou o vento27.

Fillos meus, ocorren tantas cousas na terra...! Poderíavos contar de mágoas, de sufrimentos, de malos tratos, de martirios —non lle saco nin unha letra— do heroísmo de moitas almas. Perante os nosos ollos, na nosa intelixencia agroma ás veces a impresión de que Xesús dorme, de que non nos oe; pero San Lucas nárranos de que xeito se comporta Xesús cos seus: mentres eles —os discípulos— ían navegando, durmiuse Xesús, ao tempo que un vento rexo alborotou as ondas, de xeito que, asolagando a barca, corrían risco. Con isto, achegáronse a El, e espertárono, berrando: Mestre que perecemos! Posto Xesús en pé, mandou ao vento e á treboada que se calmasen, e inmediatamente cesaron, e seguiu unha grande bonanza. Entón preguntoulles: onde está a vosa fe? 28.

Se nos damos, El dásenos. Hai que confiar plenamente no Mestre, hai que abandonarse nas súas mans sen mesquindades; manifestarlle, coas nosas obras, que a barca é súa, que queremos que dispoña ao seu antollo de todo o que nos pertence.

Remato, acudindo á intercesión de Santa María, con estes propósitos: a vivir de fe; a perseverar con esperanza; a permanecer pegados a Xesucristo; a amalo de verdade, de verdade, de verdade; a percorrer e saborear a nosa aventura de Amor, que namorados de Deus estamos; a deixar que Cristo entre na nosa pobre barca, e tome posesión da nosa alma como Dono e Señor; a manifestarlle con sinceridade que nos esforzaremos en manternos sempre na súa presenza, día e noite, porque El chamounos á fe: ecce ego quia vocasti me! 29 e viñemos ao seu ovil, atraídos polas súas voces e asubíos de Bo Pastor, coa certeza de que só ao seu abeiro atoparemos a verdadeira felicidade temporal e eterna.

Notas
27

Mc VI, 48, 50-51.

28

Lc VIII, 23-25.

29

1 Reg III, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma