220
Coa mirada no Ceo
Medremos en esperanza, que deste xeito nos afianzaremos na fe, verdadeiro fundamento das cousas que se esperan, e convencemento das que non se posúen30. Medremos nesta virtude, que é suplicar ao Señor que acrecente en nós a súa caridade, porque só se confía de veras no que se ama con todas as forzas. E vale a pena amar ao Señor. Vós tedes experimentado, coma min, que a persoa namorada se entrega segura, cunha sintonía marabillosa, na que os corazóns latexan nun mesmo querer. E que será o Amor de Deus? Non coñecedes que por cada un de nós morreu Cristo? Si, por este corazón noso, pobre, pequeno, se consumou o sacrificio redentor de Xesús.
Señor fálanos frecuentemente do premio que nos gañou coa súa Morte e a súa Resurrección. Eu vou preparar un lugar para vós. E cando vaia, e vos teña preparado lugar, virei outra vez e levareivos comigo, para que onde estou eu esteades vós tamén31. O Ceo é a meta da nosa senda terrea. Xesucristo pre cedeunos e alí, na compaña da Virxe e de san Xosé —a quen tanto venero—, e dos Anxos e dos Santos, agarda a nosa chegada.
Non faltaron nunca os herexes —tamén na época apostólica— que intentaron arrincar aos cristiáns a esperanza. Se predícase a Cristo como resucitado de entre os mortos, como é que algúns de vós andan a dicir que non hai resurrección dos mortos? Pois se non hai resurrección de mortos, tampouco Cristo resucitou. Mais se non resucitou Cristo, baldeira é a nosa predicación, e baldeira é tamén a nosa fe...32. A divindade do noso camiño —Xesús, camiño, verdade e vida33— é prenda segura de que remata na felicidade eterna, se non nos arredamos del.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/220/ (14-12-2025)