221

Que marabilloso será cando o Noso Pai nos diga: servo bo e fiel, porque fuches fiel nas cousas pequenas, eu confiareite as grandes: entra no gozo do teu Señor! 34. Esperanzados! Ese é o prodixio da alma contemplativa. Vivimos de Fe, e de Esperanza, e de Amor; e a Esperanza vólvenos poderosos. Lembrades a san Xoán?: escríbovos, mozos, porque sodes valentes e a palabra de Deus permanece en vós, e vencestes ao maligno35. Deus úrxenos, para a mocidade eterna da Igrexa e da humanidade enteira. Podedes transformar en divino todo o humano, como o rei Midas convertía en ouro todo o que tocaba!

Non o esquezades nunca: despois da morte, recibiravos o Amor. E no amor de Deus atoparedes, a máis, todos os amores limpos que tivestes na terra. O Señor dispuxo que pasemos esta breve xornada da nosa existencia traballando e, como o seu Unixénito, facendo o ben36. Namentres, temos que estar alerta, á escoita daquelas chamadas que san Ignacio de Antioquía notaba na súa alma, ao achegarse a hora do martirio: «vén ao Pai»37, vén cara o teu Pai, que te espera ansioso.

Pidamos a Santa María, Spes nostra, que nos acenda en afán santo de habitar todos xuntos na casa do Pai. Nada poderá preocuparnos, se decidimos ancorar o corazón no desexo da verdadeira Patria: o Señor conduciranos coa súa graza, e empuxará a barca con bo vento a tan claras ribeiras.

Notas
34

Mt XXV, 21.

35

1 Ioh II, 14.

36

Act X, 38.

37

Santo Ignacio de Antioquía, Epistola ad Romanos, 7 (PG 5, 694).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma