222

Mesturado entre a multitude, un daqueles peritos que non acertaban a discernir as ensinanzas reveladas de Moisés, enleadas por eles mesmos cunha estéril casuística, fíxolle unha pregunta ao Señor. Abre Xesús os seus beizos divinos para responder a ese doutor da Lei e contéstalle devagar, coa segura persuasión do que o ten ben experimentado: amarás o Señor Deus teu con todo o teu corazón, e con toda a túa alma, e con toda a túa mente. Este é o máximo e primeiro mandamento. O segundo é semellante a este: amarás o teu próximo como a ti mesmo. Nestes dous mandamentos está cifrada toda a Lei e os profetas1.

Fixádevos agora no Mestre reunido cos seus discípulos, na intimidade do Cenáculo. Ao achegarse o momento da Paixón, o Corazón de Cristo, arrodeado polos que El ama, estala en laparadas inefables: douvos un mandamento novo, confíalles: que vos amedes os uns aos outros, como eu vos amei a vós, e que do xeito que eu vos amei así tamén vos amedes reciprocamente. Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos, se vos tedes amor os uns aos outros2.

Para achegarse ao Señor a través das páxinas do Santo Evanxeo, recomendo sempre que vos esforcedes por metervos de tal modo na escena, que participedes coma un personaxe máis. Así —sei de tantas almas normais e correntes que o viven—, ensimesmarédesvos como María, pendente das palabras de Xesús ou, como Marta, atreverédesvos a manifestarlle sinceramente as vosas inquedanzas, ata as máis pequenas3.

Notas
1

Mt XXII, 37-40.

2

Ioh XIII, 34-35.

3

Cfr. Lc X, 39-40.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma