225
Pedagoxía divina
Non odiar ao inimigo, non devolver mal por mal, renunciar á vinganza, perdoar sen rancor, considerábase daquela — e tamén agora, non nos enganemos— unha conduta insólita, demasiado heroica, fóra do normal. Ata aquí chega a mesquindade das criaturas. Xesucristo, que veu salvar a todas as xentes e desexa asociar os cristiáns á súa obra redentora, quixo ensinar aos seus discípulos —a ti e mais a min— unha caridade grande, sincera, máis nobre e valiosa: debemos amarnos mutuamente como Cristo nos ama a cada un de nós. Só deste xeito, imitando —dentro da propia persoal rudeza— os modos divinos, lograremos abrir o noso corazón a todos os homes, querer dun modo máis alto, enteiramente novo.
Que ben puxeron en práctica os primeiros cristiáns esta caridade ardente, que sobresaía con exceso máis alá das cimas da simple solidariedade humana ou da benignidade de carácter. Amábanse entre si, doce e fortemente, desde o Corazón de Cristo. Un escritor do século II, Tertuliano, transmitiunos o comentario dos pagáns, conmovidos ao contemplar o porte dos fieis daquela, tan cheo de atractivo sobrenatural e humano: «mirade como se aman»11, repetían.
Se percibes que ti, agora ou en tantos detalles da xornada, non es merecente desa loanza; que o teu corazón non reacciona como debera ante os requirimentos divinos, pensa tamén que che chegou o tempo de rectificar. Atende á invitación de san Paulo: fagamos o ben a todos e especialmente a aqueles que pertencen, mediante a fe, á mesma familia ca nós12, ao Corpo Místico de Cristo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/225/ (14-12-2025)