228
Non vos conmove que o Apóstolo Xoán, xa ancián, empregue a maior parte dunha da súas epístolas en exhortarnos para que nos comportemos segundo esa doutrina divina? O amor que debe mediar entre os cristiáns nace de Deus, que é Amor. Queridiños, amémonos os uns aos outros, porque a caridade procede de Deus, e todo o que ama é nacido de Deus e a Deus coñece. O que non ama non coñece a Deus, porque Deus é Amor14. Detense na caridade fraterna, pois por Cristo fomos convertidos en fillos de Deus: vede que amor tivo o Pai por nós, querendo que nos chamemos fillos de Deus e que o sexamos15.
E, mentres golpea rexamente as nosas conciencias para que se troquen máis sensibles á graza divina, insiste en que temos recibido unha proba marabillosa do amor do Pai polos homes: nisto demostrouse a caridade de Deus cara nós, en que Deus enviou o seu Fillo Unixénito ao mundo, para que por El teñamos vida16. O Señor tomou a iniciativa, vindo ao noso encontro. Deunos ese exemplo, para que acudamos con El a servir os demais, para que —gústame repetilo— poñamos xenerosamente o noso corazón no chan, de xeito que os outros pisen en brando, e resúltelles máis amable a loita. Debémonos comportar deste xeito, fomos feitos fillos do mesmo Pai, dese Pai que non dubidou en nos entregar ao seu Fillo moi amado.
*“Mons. Escrivá de Balaguer chama Asociación ao Opus Dei, porque ata 1982 non foi erixida esta institución en Prelatura persoal. É de xustiza sinalar que, non obstante, xa desde a década de 1930, Mons Escrivá de Balaguer tiña previsto que a fórmula xurídica do Opus Dei se debería atopar entre as institucións de xurisdición persoal e secular; que logo foi guiando ao Opus Dei cara esa solución xurídica e que antes de falecer, no 1975, deixáraa preparada”.
1 Ioh IV, 7-8.
1 Ioh III, 1.
1 Ioh IV, 9.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/228/ (14-12-2025)