23
Lembreivos moitas veces aquela escena conmovedora que nos relata o Evanxeo: Xesús está na barca de Pedro, desde onde falou ás xentes. Esa multitude que o seguía removeu o afán de almas que consume o seu Corazón, e o Divino Mestre quere que os seus discípulos participen xa dese celo. Despois de dicirlles que se lancen mar a dentro —duc in altum!1—, suxire a Pedro que bote as redes para pescar.
Non me vou deter agora nos detalles, tan instrutivos deses momentos. Desexo que consideremos a reacción do Príncipe dos Apóstolos, á vista do milagre: apártate demin, Señor, que son un home pecador 2. Unha verdade —non me cabe dúbida— que cómpre perfectamente á situación persoal de todos. Así e todo, asegúrovos que, ao tropezar durante a miña vida con tantos prodixios da graza, obrados a través de mans humanas, sentinme inclinado, diariamente máis inclinado, a gritar: Señor, non te apartes de min, pois sen ti non podo facer nada bo.
Entendo moi ben, precisamente por iso, aquelas palabras do Bispo de Hipona, que soan como un marabilloso canto á liberdade: «Deus que te creou sen ti, non te salvará sen ti»3, porque nos movemos sempre cada un de nós, ti, eu, coa posibilidade —a triste desventura— de alzarnos contra Deus, de rexeitalo –quizais coa nosa conduta– ou de exclamar: non queremos que reine sobre nós4.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/23/ (14-12-2025)