230
Universalidade da caridade
«Co nome de próximo, di san León Magno, non debemos considerar só aos que se unen a nós con lazos de amizade ou de parentesco, senón a todos os homes, cos que temos unha común natureza... Fíxonos un só Creador, un só Creador deunos a alma. Todos gozamos do mesmo ceo e do mesmo aire, dos mesmos días e das mesmas noites e, aínda que uns son bos e outros son malos, uns xustos e outros inxustos, Deus, non obstante, é xeneroso e benigno con todos»19.
Os fillos de Deus forxámonos na práctica dese mandamento novo, na Igrexa aprendemos a servir e non a ser servidos20, e atopámonos con forzas para amar a humanidade dun xeito novo, que todos advertirán como froito da graza de Cristo. O noso amor non se confunde cunha postura sentimental, tampouco coa simple camaradería, nin co pouco claro afán de axudar os outros para demostrármonos a nós mesmos que somos superiores. É convivir co próximo, venerar —insisto— a imaxe de Deus que hai en cada home, procurando que tamén el a contemple, para que se saiba dirixir a Cristo.
Universalidade da caridade significa, por iso, universalidade do apostolado; tradución en obras e de verdade, pola nosa banda, do grande empeño de Deus, que quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade21.
Se temos que amar tamén aos inimigos —refírome aos que nos colocan entre os seus inimigos: eu non me sinto inimigo de ninguén nin de nada—, haberá que amar con máis razón aos que só están lonxe, aos que nos caen menos simpáticos, aos que, pola súa lingua, pola súa cultura ou pola súa educación, parecen o oposto a ti ou a min.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/230/ (14-12-2025)