232

Manifestacións do amor

Gústame recoller unhas palabras que o Espírito Santo nos comunica por boca do profeta Isaías: disciti benefacere23, aprendede a facer o ben. Adoito aplicar este consello aos distintos aspectos da nosa loita interior, porque a vida cristiá nunca se ten que dar por rematada, xa que o crecemento nas virtudes vén como consecuencia dun empeño efectivo e cotián.

En calquera tarefa da sociedade, como aprendemos? Primeiro, examinamos o fin desexado e os medios para acadalo. Despois, perseveramos no emprego deses recursos, unha e outra vez, ata crear un hábito arraigado e firme. No momento en que aprendemos algo, descubrimos outras cousas que ignorabamos e que constitúen un estímulo para continuar este traballo sen dicir nunca basta.

A caridade co próximo é unha manifestación do amor a Deus. Por iso, ao esforzármonos por mellorar nesa virtude, non nos podemos fixar límite ningún. Co Señor, a única medida é amar sen medida. Por unha banda, porque nunca chegaremos a agradecer bastante o que o Señor fixo por nós; doutra, porque o mesmo amor de Deus ás súas criaturas revélase dese xeito: con exceso, sen cálculo, sen fronteiras.

A todos os que estamos dispostos a abrirlle os oídos da alma, Xesucristo ensina no sermón da Montaña o mandato divino da caridade. E, ao rematar, coma resumo explica: amade os vosos inimigos, facede ben e prestade sen esperanza de recibir nada a cambio, e será grande a vosa recompensa, e seredes fillos do Altísimo, porque El é bo aínda cos ingratos e malos. Sede, pois, misericordiosos, así como tamén o voso Pai é misericordioso24.

A misericordia non se queda nunha simple actitude de compaixón: a misericordia identifícase coa superabundancia da caridade que, ao mesmo tempo, trae consigo a superabundancia da xustiza. Misericordia significa manter o corazón en carne viva, humana e divinamente transido por un amor rexo, sacrificado, xeneroso. Así glosa a caridade san Paulo no seu canto a esa virtude: a caridade é sufrida, benfeitora; a caridade non ten envexa, non obra precipitadamente, non se ensoberbece, non é ambiciosa, non anda a procura dos seus intereses, non se alporiza, non pensa mal, non se folga da inxustiza, comprácese na  verdade; a todo se acomoda, cre en todo, espérao todo e sopórtao todo25.

Notas
23

Is I, 17.

24

Lc VI, 35-36.

25

1 Cor XIII, 4-7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma