233
Unha das súas primeiras manifestacións concrétase en iniciar á alma nos camiños da humildade. Cando sinceramente nos consideramos nada; cando comprendemos, que sen o auxilio divino, a máis feble e fraca das criaturas sería mellor ca nós; cando nos vemos capaces de todos os erros e de todos os horrores; cando nos sabemos pecadores aínda que pelexemos con empeño para arredarnos de tantas infidelidades, como imos pensar mal dos demais?, como se poderá alimentar no corazón o fanatismo, a intolerancia, a altiveza?
A humildade lévanos como da man a ese xeito de tratar o próximo, que é o mellor: o de comprender a todos, convivir con todos, desculpar a todos; non crear divisións nin barreiras; comportarse —sempre!— como instrumentos de unidade. Non en van existe no home unha aspiración forte cara á paz, cara á unión cos seus semellantes, cara ao mutuo respecto dos dereitos da persoa, de xeito que ese miramento se transforme en fraternidade. Reflicte a pegada do máis valioso da nosa condición humana: se todos somos fillos de Deus, a fraternidade nin se reduce a un tópico, nin resulta un ideal ilusorio: resalta como meta difícil, pero real.
Fronte a todos os cínicos, aos escépticos, aos sen amor, aos que converteron a propia covardía nunha mentalidade, os cristiáns temos que demostrar que ese agarimo e posible. Poida que existan moita dificultades para comportarse así, porque o home foi creado libre, e na súa man está enfrontarse inútil e amargamente contra Deus: pero é posible e real, porque esa conduta nace necesariamente como consecuencia do amor de Deus e do amor a Deus. Se ti e mais eu queremos, Xesucristo tamén quere. Daquela entenderemos con toda a súa fondura e con toda a súa fecundidade a dor, o sacrificio e a entrega desinteresada na convivencia diaria.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/233/ (14-12-2025)