234
O exercicio da caridade
Pecaría de inxenuo o que se imaxinase que as esixencias da caridade cristiá se cumpren facilmente. Demóstrase moi distinto o que experimentamos no quefacer habitual da humani-dade e, por desgraza, no ámbito da Igrexa. Se o amor non obrigase a calar, cada quen contaría longamente de divisións, de ataques, de inxustizas, de murmuracións, de insidias. Temos que admitilo con sinxeleza, para tratar de pór pola nosa banda o oportuno remedio, que se ha de traducir nun esforzo persoal por non ferir, por non maltratar, por corrixir sen deixar afundido a ninguén.
Non son cousas de hoxe. Poucos anos despois da Ascensión de Cristo aos ceos, cando aínda andaban dun sitio para o outro case todos os apóstolos, e era xeral un fervor estupendo de fe e de esperanza, xa comezaban tantos, non obstante, a descamiñarse, a non vivir a caridade do Mestre.
Habendo entre vós celos e discordias —escribe san Paulo aos de Corinto— non é claro que sodes carnais e procededes coma homes? Porque dicindo un: eu son de Paulo, e o outro: eu de Apolo, non estades mostrando ser aínda homes26, que non comprenden que Cristo veu superar todas esas divisións? Que é Apolo? Que é Paulo? Ministros de Aquel en quen crestes, e iso segundo o que a cada un lle concedeu o Señor27.
O Apóstolo non rexeita a diversidade: cada quen ten de Deus o seu propio don, quen dunha maneira, quen doutra28. Mais esas diferenzas teñen que estar ao servizo do ben da Igrexa. Eu síntome agora movido a pedirlle ao Señor —unídevos, se queredes, a esta oración miña— que non permita que na súa Igrexa a falta de Amor emporque as almas. A caridade é o sal do apostolado dos cristiáns; se perde o seu sabor, como nos poderemos presentar ante o mundo e explicar, coa cabeza alta, aquí está Cristo?
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/234/ (14-12-2025)