235
Polo tanto, repítovos con san Paulo: aínda que eu falase todas as linguas dos homes e a linguaxe dos anxos, se non tivese caridade, veño a ser como un metal que resoa, ou campá que repenica. E cando tivese o don de profecía e penetrase todos os misterios e posuíse todas as ciencias, cando tivese toda a fe, de xeito que trasladase dunha á outra parte os montes, non tendo caridade son nada. Aínda que eu distribuíse todos os meus bens para sustento dos pobres, e aínda que entregase o meu corpo ás lapas, se a caridade me falta, todo iso non me serve de nada29.
Ante estas palabras do Apóstolo das xentes, non faltan os que coinciden con aqueles discípulos de Cristo, que, cando o Noso Señor lles anunciou o Sacramento da súa Carne e do seu Sangue, comentaron: dura é esta doutrina, quen a pode escoi-tar? 30. É dura, si. Porque a caridade que describe o Apóstolo non se limita á filantropía, ao humanitarismo, á lóxica conmiseración ante o sufrimento alleo: esixe o exercicio da virtude teologal do amor a Deus e do amor, por Deus, aos demais. Por iso, a caridade nunca fenece, mentres que as profecías rematarán e cesarán as linguas, e acabará a ciencia... Agora permanecen estas tres virtudes, a fe, a esperanza e a caridade; pero das tres a caridade é a máis excelente de todas31.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/235/ (14-12-2025)