236

O único camiño

Convencémonos de que a caridade non ten nada que ver con esa caricatura que, ás veces, se pretendeu trazar da virtude central da vida do cristián. Daquela, por que esta esixencia de predicala continuamente? Xorde como tema obrigado, mais con poucas posibilidades de que se manifeste en feitos concretos?

Se miramos ao noso redor, encontrariamos quizais razóns para pensar que a caridade é unha virtude ilusoria. Mais, considerando as cousas con sentido sobrenatural, descubrirás tamén a raíz desa esterilidade: a ausencia dun trato intenso e continuo, de ti a Ti, co Noso Señor Xesucristo; e o descoñecemento da obra do Espírito Santo na alma, cuxo primeiro froito é precisamente a caridade.

Recollendo uns consellos do Apóstolo —levade uns as cargas dos outros así cumpriredes a lei de Cristo32— engade un Padre da Igrexa: «amando a Cristo soportaremos facilmente a debilidade dos demais, tamén daquel ao que non amamos aínda, porque non ten obras boas»33.

Por aí sube o camiño que nos fai medrar en caridade. Se imaxinásemos que antes nos temos que exercitar en actividades humanitarias, en labores asistenciais, excluíndo o amor do Señor, equivocariámonos. «Non descoidemos a Cristo por mor da preocupación polo próximo enfermo, xa que debemos amar o enfermo por mor de Cristo»34.

Mirade constantemente a Xesús que, sen deixar de ser Deus, se humillou tomando forma de servo35, para poder servirnos, porque só nesa dirección se abren os afáns que merecen a pena. O amor busca a unión, identificarse coa persoa amada: e, ao unirnos a Cristo, atraeranos a ansia de secundar a súa vida de entrega, de amor inconmensurable, de sacrificio ata a morte. Cristo sitúanos ante o dilema definitivo: ou consumir a propia existencia dun xeito egoísta e solitario, ou se dedicar con todas as forzas a unha tarefa de servizo.

Notas
32

Gal VI, 2

33

Santo Agostiño, De diversis quaestionibus LXXXIII, 71, 7 (PL 40, 83).

34

Santo Agostiño, Ibidem.

35

Cfr. Phil II, 6-7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma