239
Volvamos os nosos ollos a Xesucristo, que é o noso modelo, o espello no que nos debemos mirar. De que xeito se comporta, exteriormente tamén, nas grandes ocasións? Que nos di del o Santo Evanxeo? Conmóveme esa disposición habitual de Cristo, que acode ao Pai antes dos grandes milagres; e o seu exemplo, retirándose corenta días e corenta noites ao deserto2, antes de iniciar a súa vida pública, para rezar.
É moi importante —perdoade a miña insistencia— observar os pasos do Mesías, porque El nos veu mostrar a senda que leva ao Pai. Descubriremos, con El, como se pode dar relevo sobrenatural ás actividades aparentemente máis pequenas; aprenderemos a vivir cada instante con vibración de eternidade, e comprenderemos con maior fondura que a criatura necesita eses tempos de conversa íntima con Deus: para tratalo, para invocalo, para loalo, para romper en accións de grazas, para escoitalo ou, sinxelamente, para estar con El.
Hai xa moitos anos, considerando este modo de proceder do meu Señor, cheguei á conclusión de que o apostolado, calquera que sexa, é un desbordar da vida interior. Por iso paréceme tan natural, e tan sobrenatural, esa pasaxe na que se relata como Cristo decidiu escoller definitivamente aos primeiros doce. Conta san Lucas que, antes, pasou toda a noite en oración3. Védeo tamén en Betania, cando se dispón a resucitar a Lázaro, despois de chorar polo amigo; levanta os ollos ao ceo e exclama: Pai, douche grazas porque me oíches4. Esta foi a súa ensinanza precisa: se queremos axudar aos demais, se pretendemos sinceramente empuxalos para que descubran o auténtico sentido do seu destino na terra, é preciso que nos fundamentemos na oración.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/239/ (14-12-2025)