24
Escoller a vida
Con agradecemento, porque percibimos a felicidade á que estamos chamados, temos aprendido que todas as criaturas foron sacadas da nada por Deus e para Deus: as racionais, os homes, aínda que con tanta frecuencia perdamos a razón; e as irracionais, as que corrican pola superficie da terra, ou habitan nas entrañas do mundo, ou cruzan o azul do ceo, algunhas ata mirar de fite en fite ao sol. Pero, no medio desta marabillosa variedade, só nós, os homes —non falo aquí dos anxos— unímonos ao Creador polo exercicio da nosa liberdade: podemos render ou negar ao Señor a gloria que lle corresponde como Autor de todo o que existe.
Esa posibilidade compón o claroscuro da liberdade humana. O Señor invítanos, impúlsanos —porque nos ama entrañablemente!— a escoller o ben. Fíxate, hoxe poño ante ti a vida co ben, a morte co mal. Se oes o precepto de Iavé, o teu Deus, que hoxe che mando, de amar a Iavé, o teu Deus, de seguir os seus camiños, e de gardar os seus mandamentos,decretos e preceptos, vivirás... Escolle a vida, para que vivas5.
Queres ti pensar —eu tamén fago o meu exame— se mantés inmutable e firme a túa elección de Vida? Se ao oír esa voz de Deus, amabilísima, que che estimula á santidade, respondes libremente que si? Volvamos a mirada ao noso Xesús, cando falaba ás xentes polas cidades e os campos de Palestina. Non se pretende impor. Se queres ser perfecto...6, dille ao mozo rico. Aquel rapaz novo rexeitou a insinuación, e conta o Evanxeo que abiit tristis7, que se retirou entristecido. Por iso algunha vez chameino o ave triste: perdeu a ledicia porque se negou a entregar a súa liberdade a Deus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/24/ (14-12-2025)