241
Contemplemos agora a súa Nai bendita, Nai nosa tamén. No Calvario, a carón do patíbulo, reza. Non é unha actitude nova de María. Deste xeito conduciuse sempre, cumprindo os seus deberes, ocupándose do seu fogar. Mentres estaba nas cousas da terra, permanecía pendente de Deus. Cristo, perfectus Deus, perfectus homo8, quixo que tamén a súa Nai, a criatura máis excelsa, a chea de graza, nos confirmase nese afán de elevar sempre a mirada ao amor divino. Lembrade a escena da Anunciación: baixa o Arcanxo, para comunicar a divina embaixada —o anuncio de que sería Nai de Deus—, e atópaa retirada en oración. María está enteiramente recollida no Se ñor, cando san Gabriel a saúda: Deus te salve, oh chea de graza!, o Señor está contigo9. Días despois rompe na ledicia do Magnificat —ese canto mariano, que nos transmitiu o Espírito Santo pola delicada fidelidade de san Lucas—, froito do trato habitual da Virxe Santísima con Deus.
Nosa Nai meditou cumpridamente as palabras das mulleres e dos homes santos do Antigo Testamento, que esperaban o Salvador, e os sucesos dos que foron protagonistas. Admirou aquel cúmulo de prodixios, o desbaldir da misericordia de Deus co seu pobo, tantas veces ingrato. Ao considerar esta tenrura do Ceo, incesantemente renovada, brota o afecto do seu Corazón inmaculado: a miña alma glorifica ao Señor, e o meu espírito está transportado de gozo en Deus salvador meu; porque puxo os ollos na baixeza da súa escrava10. Os fillos desta Nai boa, os primeiros cristiáns, aprenderon dela, e tamén nós debemos e podemos aprender.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/241/ (14-12-2025)