243
Como facer oración
Como facer oración? Atrévome a asegurar, sen temor a equivocarme, que hai moitas, infinitas maneiras de orar, podería dicir. Mais eu querería para todos nós a auténtica oración dos fillos de Deus, non a verborrea dos hipócritas, que han escoitar de Xesús: non todo o que repite: Señor!, Señor!, entrará no reino dos ceos16. Os que se moven pola hipocrisía, poden quizais lograr «o ruído da oración —escribía santo Agostiño— , pero non a súa voz, porque alí falta a vida»17, e está ausente o afán de cumprir a Vontade do Pai. Que o noso clamar Señor! vaia unido ao desexo eficaz de converter en realidade esas mocións interiores, que o Espírito Santo esperta na nosa alma.
Temos que nos esforzar, para que pola nosa parte non quede nin sombra de dobrez. O primeiro requisito para desterrar ese mal que o Señor condena duramente, é procurar conducirse coa disposición clara, habitual e actual, de aversión ao pecado. Rexamente, con sinceridade, temos que sentir —no corazón e na cabeza— horror ao pecado grave. E tamén ten que ser a nosa actitude, fondamente arraigada, de abominar do pecado venial deliberado, desas claudicacións que non nos privan da graza divina, pero debilitan as canles polas que nos chega.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/243/ (14-12-2025)