244

Non me cansei nunca e, coa graza de Deus, nunca me cansarei de falar de oración. Alá polo 1930, cando se achegaban a min, sacerdote novo, persoas de todas as condicións —universitarios, obreiros, sans e enfermos, ricos e pobres, sacerdotes e segrares—, que intentaban acompañar máis de preto ao Señor, aconselláballes sempre: rezade. E se alguén me contestaba: non sei nin tan sequera como empezar, recomendáballe que se puxese na presenza do Señor e lle manifestase a súa inquedanza, o seu desacougo, con esa mesma queixa: Señor, que non sei! E, tantas veces, naquelas humildes confidencias concretábase a intimidade con Cristo, un trato asiduo con El.

Transcorreron moitos anos, e non coñezo outra receita. Se non te consideras preparado, acode a Xesús como acudían os seus discípulos: apréndenos a facer oración!18. Comprobarás como o Espírito Santo axuda a nosa fraqueza, pois non sabendo sequera que temos que pedir nas nosas oracións, nin de que xeito cómpre expresarse, o mesmo Espírito facilita os nosos rogos con xemidos que son inexplicables19, que non se poden contar, porque non existen modos apropiados para describir a súa fondura.

Que firmeza nos debe producir a Palabra divina! Non inventei nada, cando —ao longo do meu ministerio sacerdotal— repetín e repito incansablemente ese consello. Está recollido da Escritura Santa, de aí o aprendín: Señor, que non sei dirixirme a Ti! Señor, apréndenos a orar! E vén toda esa asistencia amorosa —luz, lume, vento impetuoso— do Espírito Santo, que alumea a labarada e a volve capaz de provocar incendios de amor.

Notas
18

Lc XI, 1.

19

Rom VIII, 26.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma